CPI As Mirandas (Ares) , O CPI A Xunqueira (Fene), o e o IES
Breamo (Pontedeume) son os tres centros de ensino público cuxos proxectos
audiovisuais inaugurarán o programa formativo Vidas Mariñeiras 2017, que dá
comezo este mesmo mes de outubro coordinado polo GALP Golfo Ártabro Norte.
En «De corazón, mariñeiro» atoparemos a Vituco,
experimentado científico e submarinista que se considera a si mesmo un
mariñeiro máis. Percorreremos o curso do Eume até a súa desembocadura no océano
Atlántico, atentos a como as augas configuran a paisaxe e os nosos propios
hábitos («Entre dúas augas: o Eume e o mar»). Haberá tempo tamén para a
reflexión histórica sobre o rol das mulleres na vila mariñeira de Ares ao longo
do século XX («Marea de mulleres»). Esta é unha pequena e suxerente mostra do
que nos deparan os proxectos que veñen de presentar os alumnas e alumnas dos
centros seleccionados para participar en Vidas Mariñeiras 2017, que entre os
meses de outubro e decembro deste ano achegará ás aulas un programa de
formación audiovisual que dará como resultado senllas curtametraxes realizadas
polo alumnado.
O programa foi recibido con moito interese polos centros de
ensino da contorna do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Golfo
Ártabro Norte, e moitos deles coordinaron grupos de alumnas e alumnos para
presentar un proxecto ao concurso publicado nesta mesma web o pasado mes de
setembro. Porén, nesta primeira edición os coordinadores do programa
limitáronse a tres proxectos para garantir unha formación de calidade e
personalizada de cada grupo participante.
O alumnado recibirá unha formación práctica e teórica básica
que lle permitirá desenvolver con autonomía todas as fases de produción dun
filme, desde a primeira escaleta até as correccións de cor e masterizado das
pezas resultantes. Estas tres curtametraxes, ademais, poderán verse no mes de
decembro nun pase aberto ao público nos Cines Duplex de Ferrol, e xa en xaneiro
de 2018 na filmoteca galega, o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI, A
Coruña).
No hay comentarios:
Publicar un comentario