viernes, 30 de noviembre de 2012

PRESENTACIÓN DA NOVELA GRÁFICA "CARTAS DE INVERNO"


O xoves 29 de novembro foi presentada no salón de actos da Alianza Aresana a novela gráfica “Cartas de inverno”, do autor local Antonio Seijas. Trátase dunha adaptación da novela do mesmo nome obra de Agustín Fernández Paz, que tamén estivo no acto. Acompañaron a Toni, como o coñecemos os seus veciños, ademais de  Fernández Paz, o responsable da editorial Xerais, Manuel Bragado, e o alcalde de Ares, Julio Iglesias.
Fernández Paz explicou con todo detalle a intrahistoria de Cartas de Inverno. «Foi un libro que me saíu con rara facilidade. Foi como se alguén mo fora ditando ao ouvido. Ríame só, porque notaba que me estaba saíndo. A orixe primeira daquel libro que escribín no piso de Rosalía en 1994 está aquí en Ares. Cando traballaba en Mugardos, eu paseaba moito por estes camiños. Un día sentado diante da igrexa de Lubre saíume a idea de que dos anuncios por palabras podían saír historias. De aí naceron os meus Contos por palabras. Mais a veta non estaba agotada. Anos despois, cando xa viviamos en Vigo, atopei no Faro de Vigo, nas páxinas de anuncios breves un que me impactou: “Vendo casa embrujada. Absténganse curiosos y bromistas”. Rescateino, sabía que alí había unha historia, a que logo sería Cartas de inverno».
“Hai catro anos, Toni Seijas díxome que quería facer un cómic da miña novela. Quedei encantado. Eu sigo mercando decote novela gráfica, a que Miguelanxo Prado di que é a arte do século XXI. Son consciente que unha cousa é crear un mundo só con palabras e outra facelo con palabras e imaxes. Tiña claro que Seijas ía realizar a súa visión, xa que na arte o máis importante é a súa ollada. Ademais, sabía que o traballo de Toni é inconfundible. Ten unha linguaxe propia, unha peculiar forma de empregar a dimensión pictórica das viñetas e a utilización narrativa da cor. Agora, coa novela editada, recoñezo nela a mlña historia e recoñezo o que é a obra de Seijas”.
“Da novela gráfica de Toni gústanme especialmente algunhas secuencias. Nun cómic é esencial a montaxe das viñetas dentro da páxina e os anacos que contan pero non contan, as chamadas elipses narrativas, o que se deixa de debuxar e está contado. Isto nestas Cartas de inverno de Seijas está moi ben conseguido, o que permite un avance da narración con naturalidade. Como está moi ben refletida a entorna da casa e o traballo dos interiores”. Rematou Agustín Fernández Paz lembrando que detrás do seu traballo como do de Antonio Seijas estaba Lovecraf.

Antonio Seijas naceu en Ares en 1976 e o seu primeiro álbum de banda deseñada, Un Hombre Feliz, resultou gañador do Certame de Banda Deseñada "Castelao" da Deputación de A Coruña, con prólogo de Miguelanxo Prado, e tamén recibiu o premio de mellor guión, por votación popular, no Salón del Cómic de Barcelona en 2008.
No campo da ilustración, fai traballos para revistas, xornais, webs, cubertas de libros así como ilustracións para literatura infantil e xuvenil en diferentes editoriais, ocupándose en Xerais das cubertas da colección Fóra de xogo. Tamén realiza traballos para grupos e discográficas (cubertas, libretos, logos, carteis…), recibindo excelentes críticas en diversos medios nacionais e estranxeiros.
Mantén na rede os seus blogs http://antonioseijas.blogaliza.org e http://antonioseijas.blogspot.com ademais da páxina www.antonioseijas.com.


No hay comentarios:

Publicar un comentario