O
xornalista e colaborador de La
Voz de Galicia,
Ernesto Sánchez Pombo, imparte unha charla centrada nos valores da
comunicación e do xornalismo no CPI As Mirandas
O
alumnado de 4º de ESO do CPI As Mirandas, de Ares, participou na
charla que impartiu o xornalista e colaborador do Grupo Voz, Ernesto
Sánchez Pombo, na mañá deste xoves 22 de marzo. Co título « O
mellor oficio do mundo », frase empregada no seu día polo
escritor colombiano Gabriel García Márquez, e mediante o emprego de
imaxes impactantes extraídas dos medios de comunicación,
nomeadamente xornais e revistas, o xornalista foi narrando ao
alumnado a evolución e os cambios acontecidos no mundo da
comunicación e do xornalismo ao longo da historia. Durante a súa
intervención centrouse principalmente no que vén acontecendo no
último século en España. Ademais explicoulles aos alumnos o papel
da censura na época da Ditadura, así como a que moitas veces
aparece nos medios de comunicación modernos, « en ocasións
por presións dos gobernos de todo o mundo que pretenden impoñer o
seu criterio por riba da obxectividade que queremos ofrecer os
xornalistas », remarcou Ernesto S. Pombo, que tamén engadiu
que « a obxectividade pola que loitamos os xornalistas é
sinónimo de democracia ». Tamén sinalou as dificultades que
teñen os xornalistas para desenvolver o seu labor, así como outras
opcións que escollen os máis novos para informarse, principalmente
as redes sociais, que están « cheas de novas falsas e sen
fundamento ». A charla, cunha duración de hora e media e que
estivo acompañada dun coloquio final co alumnado, finalizou coa
proxección de cabeceiras e titulares que contiñan erros
lingüísticos e de contido.
No hay comentarios:
Publicar un comentario