domingo, 4 de abril de 2010

Concertos no Palacio da Ópera e no Auditorio de Galicia

O venres 12 de marzo, acudimos cos alumnos de 2º da ESO, a un concerto didáctico ofrecido pola Orquestra Sinfónica de Galicia no Palacio da Ópera da Coruña.

Este concerto está enmarcado dentro do ciclo de concertos didácticos ofrecidos pola OSG que pretende proporcionarlle ao alumnado as claves para entender, valorar e disfrutar o feito musical.

A obra é un conto, Diario dunha pulga, do monologuista galego Luis Piedrahita, que conta as peripecias dunha pulga que realiza unha viaxe musical por todo o mundo a bordo dunha variada fauna, toda presente na coñecida obra O Carnaval dos animais de Camile Saint-Saëns (1835-1921) xenialmente interpretada pola OSG.

Neste conto o contrabaixo convértese en elefante, os violíns en asnos, os pianistas en pianistas, que tamén son un tipo de animal segundo Camile Saint-Saëns, e mesmo se describen animais fantásticos, os Hemións, aquí os nosos alumnos e alumnas recoñeceron famosas melodías empregadas nas películas de Harry Potter.

Foi unha clase de música diferente, estivemos nun gran auditorio e vimos en directo unha orquestra sinfónica, porque a música non chega con oíla hai que vela.

Igualmente os alumnos de 4º ESO foron o dia 26 de febreiro ao Auditorio de Galicia en Santiago. Asistimos á proxección da película de Charles Chaplin The Kid con acompañamento de grupo de cámara.

Gozamos do encantador realismo da película, ás veces hilarante e outras entenrecedor, sempre sen palabras, pero perfectamente suplidas polo grupo de cámara, formado por violín, viola, violonchelo, clarinete e percusión, que enmarcaban a acción marabillosamente e mesmo imitaban os sons que non se escoitaban.

Ao remate visitamos a exposición dentro do auditorio, de Xóvenes artistas galegos.






No hay comentarios:

Publicar un comentario