jueves, 25 de abril de 2019

E TI, DE ONDE VÉS SENDO?.

As casas aldeáns, espalladas, forman un grupo natural de poucos habitantes, chamado "lugar". (...) Os "lugares", espallados, compoñen un agrupamento que se chama "parroquia". Esta entidade é o antigo clan dos celtas.

 Rodríguez Castelao, Alfonso Daniel. Sempre en Galiza.

Esta actividade, desenvolvida polo alumnado de 1ºESO A e B, artéllase arredor das orixes dos nosos discentes, de aí o seu título: E ti, de onde vés sendo?. Preténdese, con ela, que os rapaces e as rapazas sexan conscientes da especial relación do pobo galego co medio en que habita e a necesidade de nomear calquera lugar por pequeno que sexa, relacionando o seu significado coa vexetación, a orografía, os fenómenos atmosféricos... e, por suposto, os estados de ánimo.
Pedíaselles, na actividade, realizada segundo un modelo dado, que falasen do nome da casa (o alcume familiar), do lugar, aldea, parroquia, concello, de onde son oriundos eles e elas mesmas e os seus devanceiros; ao tempo, iríase procurando o étimo do topónimo que a cadaquén ocupase, isto é, orixe e significado. A motivación do alumnado fixo que este modesto proxecto inicial se convertese nun traballo moito máis ambicioso, realizado todo polos alumnos e alumnas de 1º ESO coa axuda inestimable das súas familias.
Foi así que os pequenos gravaron os seus avós e avoas, informantes fieis do decorrer da vida na súa nenez, adolescencia, xuventude e madurez, achegándonos a todos a un xeito de vida alleo para os adolescentes de hoxe e que xa hai tempo desapareceu na grande maioría do territorio. Abranguen, daquela, boa parte dos traballos, un anaco de historia, emoción e vivencias dos aresáns e das aresás e xa que logo, de todas as familias que co tempo se foron instalando neste concello.
Manifestamos desde estas páxinas o noso agradecemento ás familias posto que sen se elas involucraren o resultado non sería o obtido.
Actividade realizada e coordinada por Mª Luísa Corredoira, profesora de lingua galega do noso centro en colaboración co Equipo de Dinamización Lingüística coordinado por Yolanda Castro.






          
          
            
            
            
             
            
           
                                  

No hay comentarios:

Publicar un comentario