martes, 24 de enero de 2012

30 DE XANEIRO: DÍA ESCOLAR DA NON VIOLENCIA E A PAZ

Achegámonos a unha nova edición do Día Escolar da Non violencia e a Paz (DENYP), na súa denominación completa e tal como a acuñou Llorenç Vidal, alá por mediados os anos '60, en coincidencia co aniversario da morte violenta de Mahatma Gandhi, un 30 de Xaneiro de 1948.

Ademais de celebrar o Día Escolar pola Paz, cada 30 de Xaneiro, cousa que debemos facer, sería mellor (e desde logo máis efectivo) celebrar a paz de todos os días e preguntarmonos e interpelar ao alumnado sobre onde está a paz,      e en que lugar debemos buscala. Porque non está, como adoitamos crer, fóra de nós, nos grandes líderes mundiais, nin tampouco nas pombas que soltamos, ou nos paneis que debuxamos, nas mans de cores que estampamos en muros e corredores... como ás veces cre o noso alumnado, senón que debemos aprender a escoitar a voz da nosa propia conciencia (Jonan Fernández), dentro do noso corazón, desde aí é desde onde construímos a paz, cada día, connosco mesmo e cos demais. Tal e como o dicía maxistralmente o propio Mahatma Gandhi: "Os únicos demos que existen no mundo aniñan dentro do noso propio corazón".

   Tranversalmente, na materia de Educación para a Cidadanía, nas horas de titoría, e en todas e cada unha das materias, dentro e fóra das aulas, no Plan de Centro, no clima escolar, a educación é sobre todo atmosfera, dicía Henry Adams, temos que aprender a construíla e así celebrar a paz de todos os días, a convivencia, compartir vivencias xuntos, para que o 30 de Xaneiro, non se converta nunha rutina, para que a paz sexa algo máis que un conto de pombas e globos, flor dun día, cada ano, por moi brillante que sexa.

   Porque as rutinas anulan a paixón e sen paixón dificilmente podemos aprender e educar para facer as paces, así en plural, fronte a todas as violencias.

O Seminario Galego de Educación para a Paz, suxire, nesta ocasión, reflexionar, debater, traballar sobre "A aprendizaxe da democracia na escola", sobre un texto magnífico de José Tuvilla, con distintos recursos e materiais que podedes baixar da web: www.sgep.org.

Unha das actividades realizadas polos alumnos de 1º da ESO na asignatura de "Reli", foi a de deseñar  pegatinas alusivas á paz. Estas pegatinas serán repartidas no noso colexio o vindeiro luns, Dia da Paz a todos os nenos e nenas do centro.

 Autores: Xosé Manuel, Carlos, Nando e Alejandro (1º ESO)

 Autora: Cristina Fernández (1º A)

 Autora: Elisabeth Domínguez (1º  ESO)

 Autor: Francisco Rañales (1º ESO)


Autoras: Andrea Salido, Eva Gil e Begoña Muiño (1º ESO)

 Autora: Noelia Calvo (1º ESO)


Tamén os alumnos de 2º e 3º da ESO da asignatura de "Reli" fixeron un mural super chulo cunha pomba e un lema que di "cada noite, antes de que pechemos os nosos ollos para durmir, lembremos que a paz é o noso soño".



Que teñamos, que teñades, un feliz Día Escolar da Non violencia e a Paz, neste 64 aniversario da morte de Gandhi,  para que o 30 de Xaneiro sexa o principio da celebración da paz de todos os días...

Aquí vos deixamos unha escolma de Contos para a Paz. Premede na imaxe para velos en grande.







1 comentario: