Este martes 3 de novembro, o alumnado de 4º da ESO do CPI As Mirandas fixemos unha visita a Santiago de Compostela para ver o Parlamento de Galiza e o Museo do Pobo Galego.
Tomamos o bus ás 9:30, chegando a Compostela arredor das 11. Xa alí, fomos ó Parlamento de Galiza, onde nos recibiu un guía (quen explicou o funcionamento do Parlamento ademais dunha breve explicación da situación política do País) e o deputado Xosé Manuel Golpe Acuña, quen explicou que todo arredor da nosa vida é política e animounos a participar nela.
Fixemos un percorrido ó longo de todo o Parlamento, vendo parte do arte recollido nel, os grupos parlamentarios e por último o hemiciclo, onde puidemos ver e escoitar un debate entre Goberno e oposición pola xestión da Xunta respecto ós incendios.
Xa por último fomos á biblioteca do Parlamento, a cal conta con máis de 50000 títulos. O guía explicou que calquera persoa pode acceder ós contidos dela con previa solicitude.
Despois, fomos comer por Compostela para volver ás 15:30 até o Museo do Pobo Galego con dous obxectivos. O primeiro foi a busca de distintos obxectos arredor do museo cunhas pistas. Ao atopar un obxecto, tiñamos que sacar unha foto do mesmo para cumprir e completar a proba.
Por outra banda, xusto alí visitamos o Panteón de Galegos Ilustres, onde puidemos ver a tumba de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e Rosalía de Castro, entre outras.
Foi unha excursión moi interesante para todo o alumnado, posto que aprendemos o funcionamento das institucións que tanto poder teñen sobre a vida de todas as persoas, e ademais puidemos ver no museo unha gran parte da nosa cultura e historia.
Crónica de Manu Ramil










No hay comentarios:
Publicar un comentario