sábado, 22 de noviembre de 2025

OS DEREITOS DA INFANCIA, CONTADOS E CANTADOS NO COLE

 



OS DEREITOS DA INFANCIA, CONTADOS E CANTADOS NO COLE

O  20 de novembro, o noso centro encheuse de maxia e colaboración para celebrar o Día Internacional dos Dereitos da Infancia. Os rapaces e rapazas de 1º  B da ESO da materia de Reli,  foron os protagonistas dunha iniciativa marabillosa, deseñada para concienciar aos máis pequenos de Primaria sobre a importancia dos seus dereitos. O obxectivo era claro: facer que esta data tan significativa fose divertida, participativa e, sobre todo, memorable.

A REBELIÓN DE CONTOS

A actividade central xirou arredor do conto "Lola e a rebelión dos contos". A través desta historia, a pequena Lola descobre que personaxes clásicos como Cincenta, Carapuchiña ou Hansel e Gretel están "cansos de sufrir sempre nas súas historias" e decidiron rebelarse. Os personaxes esixían os mesmos dereitos que as nenas e nenos reais:

  • Unha vivenda digna, como pedían os Tres Porquiños.
  • Educación e familia que os coide, como soñaban Hansel e Gretel.
  • Igualdade e aceptación, como desexaba Pulgarciña.
  • E, sobre todo, vivir sen medo e en liberdade, como pedía Carapuchiña Vermella.

A narración serviu para reflexionar sobre como os contos axudan a entender mellor os Dereitos da Infancia, como o dereito á igualdade, á educación, á protección, á saúde ou ao xogo e a paz.

Música, Baile e Pasapalabra: Unha Lección de Dereitos

Un dos momentos máis emocionantes da xornada foi a presentación da canción dos dereitos que crearon para a ocasión. Cantaron e bailaron con entusiasmo, transmitindo unha mensaxe poderosa: "Os dereitos da infancia non se escriben na area, porque os leva o vento cando sobe a marea..."

Esta melodía, chea de ritmo e significado, conseguiu que a mensaxe calase nos corazóns de todos os presentes.

Ademais, para poñer a proba o aprendido co conto, os maiores organizaron un divertido Pasapalabra temático. Os pequenos de Primaria participaron con moito interese e demostraron que entenderon perfectamente a mensaxe da historia. Ver as súas caras de concentración e alegría mentres xogaban foi a mellor recompensas.

Ao remate , os máis pequenos foron obsequiados cuns debuxos para colorear nos que se representaban todos os dereitos.

Foi unha actividade colaborativa super chula que non só serviu para celebrar este día tan importante para a Infancia, senón tamén para potenciar o uso do galego, fomentar a creatividade e, o máis importante, unir a diferentes etapas educativas do noso colexio nun proxecto común.

Parabéns a todo o alumnado de 1º de ESO e Primaria por facer deste día un exemplo de convivencia e aprendizaxe!

 














CANCIÓN DOS DEREITOS


PARA VER O CONTO PREME NO ENLACE DE ABAIXO

       👉CONTO "LOLA E A REBELIÓN DOS CONTOS"



No hay comentarios:

Publicar un comentario