lunes, 23 de diciembre de 2024

ACTIVIDADES DE NADAL.

O último día de clases antes das vacacións de Nadal foi, sen dúbida, un día cheo de alegría e diversión no noso colexio. O alumnado de ESO reuniuse para celebrar o peche do trimestre cunha serie de actividades que fixeron que todos nos sentiramos  como verdadeiros protagonistas dunha festa.

A xornada comezou coa esperada Gimkana de Nadal, onde a rapazada, organizada en grupos, lanzáronse a superar unha serie de probas divertidas e desafiantes. Desde xogos de habilidade ata enigmas.Cada actividade estaba deseñada para fomentar o traballo en equipo e, sobre todo, para gozar. A emoción sentíase no aire, e cada grupo competía con entusiasmo por ser o mellor.

 Logo da entrega de premios ao grupo gañador e como peche da xornada o alumnado preparou un mini concerto que deixou a todos os presentes cun sorriso.. Non só escoitamos, senón que tamén nos unimos á celebración cantando e bailando.

Así, coa  promesa dunhas merecidas vacacións, despedimos o trimestre

Felices festas a todos! Vémonos no novo ano con máis enerxía e ganas de seguir aprendendo xuntos

 





miércoles, 18 de diciembre de 2024

VISITA NAVIDEÑA AO CENTRO DE DÍA AFAL DE ARES

Onte  quixemos visitar e felicitar  ás persoas usuarias do  Centro de Día  AFAL de Ares. A rapazada da ESO elaborou felicitacións personalizadas para cada unha delas cunha dedicatoria moi especial. Ademais agasallámolos cunha serie de xogos feitos no cole  para que pasen algúns dos seus ratiños entreténdose con eles.  Rematamos cantando panxoliñas e… a Rianxeira que tanto lles gusta!.

Tamén pasamos pola oficina de correos para enviar, como todos os anos, as postais para as persoas do Centro de Día de Maiores en Caamouco. Todos elas e eles merecen o mellor e, sobre todo, que nos lembremos do moito que lles debemos.

Desexámoslles unhas Felices Festas e un próspero Ano Novo cardadiño de saúde e saudade para todas e para  o persoal que tan ben coida delas.


lunes, 16 de diciembre de 2024

GRAZAS POLA VOSA COLABORACIÓN NA OPERACIÓN QUILO DE NADAL

Un ano máis a vosa solidariedade paliará as necesidades das persoas que máis necesitan a axuda de todas e todos nós. Graciñas familias, alumnado, profesorado e comunidade en xeral pola vosa aportación, pola vosa solidariedade e polo voso apoio nesta campaña.



AMBIENTES DE APRENDIZAXE. 1º CICLO DE EP

 Os ambientes de aprendizaxe son  a cúspide final  de organizar unha serie de actividades manipulativas sobre o proxecto levado a cabo este trimestre. Dividido en diferentes ambientes: cifras e letras, os oficios, ecosistemas e arte en Ares.



viernes, 13 de diciembre de 2024

ARES CON OLLOS DE NENOS E NENAS

Con este título queremos resaltar o resultado do traballo realizado polos nenos e nenas do 1° ciclo do CPI As Mirandas despois dun proceso de investigación en torno a súa vila e parroquias.

Coa súa ollada infantil pretenderon achegar a súa vila a aqueles nenos e nenas que a visiten.

Este tríptico será entregado ao concello e á oficina de  turismo despois da súa petición.



viernes, 6 de diciembre de 2024

ENTREGA DOS PREMIOS DA VIII EDICIÓN DO CONCURSO DE FOTOGRAFIA XUVENIL CONCELLO DE ARES

O xoves 5 de decembro no salón de actos da Alianza Aresana,  e coa presenza da concelleira Alma Barrón así como do fotógrafo Marcos Alonso e as profesoras Belén Morón e  Yolanda Castro en representación do noso colexio, foron entregados os premios da VIII edición do Concurso de Fotografía Xuvenil Concello de Ares.

O xurado tivo a difícil tarefa de elixir entre todas as fotografías presentadas, as que ilustrarán o  calendario do Concello para este próximo ano 2025, calendario que se presentou no acto.

As fotografías de Laura, Clara, Leo, Martina, David e Mariana, gañadoras e finalistas da oitava edición do Concurso de fotografía Xuvenil Concello de Ares, locen así de ben no almanaque.