domingo, 20 de marzo de 2016

Nós tamén fomos emigrantes. As migracións a través do diálogo cos maiores

«O valor da experiencia» é un programa interxeracional que Afundación está a desenvolver nas localidades de Galicia onde se sitúan os seus 11 Centros de Maiores, e cuxo obxectivo é que  as persoas maiores lles transmitan á mocidade os coñecementos e experiencias adquiridos ao longo de toda a vida, ao tempo que se enriquecen do diálogo con xente nova e se favorece o entendemento mutuo e, ademais, que a comunidade educativa incorpore novas modalidades de aprendizaxe, que aproveiten a experiencia das persoas maiores, fomenten o diálogo, a cooperación e o entendemento entre as distintas xeracións. Así que no noso centro puidemos achegarnos ao fenómeno da emigración a través do diálogo con eses maiores.
E para falarnos disto ninguén  mellor que esas persoas que viviron en carne propia o fenómeno da emigración forzada en busca da procura dunha vida mellor. Así, tivemos con nós a Aurora Aller, José Dopico, Joaquín Leira,  Mª Carmen Fachal e Carmen Tenreiro, que lles contaron aos mozos e mozas as causas polas que tiveron que emigrar, como foi a súa vida nos lugares aos que emigraron (Inglaterra, Suiza, País Vasco...), o sentimento de deixar atrás a familia e a terra onde naceron, anécdotas e experiencias vitais que cambiaron en moitos aspectos o devir do pais e concretamente de moitas familias.
 Tamén contamos coa presenza do noso paisano Javier Vilasánchez que nos falou da emigración en Ares e do que supuxo a aportación destes emigrantes para a nosa vila coa creación das Alianzas Aresanas (primeira escola feita en Galicia por emigrantes), e das escolas de Redes (A Tenencia),  Cervás e  Seselle, así como das Sociedades de Instrución en Galicia. Tamén fixo un breve percorrido polo patrimonio indiano de Ares, falounos do exilio, do Bou Ramón, e da emigración continental. E... porque o tempo non deu para máis; dúas horas e media de diálogo, charla e experiencias de vida que se nos quedaron curtas. Todo un luxo para os nosos rapaces e rapazas ter a estas persoas
para entender de primeira man o que supón a emigración forzada da que os galegos, por graza ou desgraza, sabemos ben moito.
Dar as grazas a todos eles pola súa testemuña e a Afundación por esta interesante proposta que achega aos Centros de Ensino o valor da experiencia dos nosos maiores en diálogo cos rapaces e rapazas de hoxe en día.

Neste vídeo podedes ver un extracto desta fantástica charla.

         


No hay comentarios:

Publicar un comentario