viernes, 7 de noviembre de 2025

OBRADOIROS PARA APRENDER A RECICLAR DENDE A INFANCIA

 O CPI As Mirandas acolleu hoxe, 6 de novembro, varios obradoiros de reciclaxe dirixidos ao alumnado de 1º, 2º e 4º de primaria, unha iniciativa impulsada pola Concellaría de Medioambiente de Ares. A través de actividades lúdicas como un quebracabezas xigante e unha ruleta, os nenos e nenas aprenderon a regra das tres “R” —reciclar, reducir e reutilizar— e identificaron os distintos colectores e os residuos que corresponden en cada un.

A concelleira de Medioambiente, Lucía Blanco, acompañou ao alumnado nas sesións e agasallounos con imáns informativos cos puntos de reciclaxe dispoñibles no municipio. Aproveitou tamén para agradecer a participación do colexio na campaña “Senta con nós”, grazas á cal se elaborou un banco e unha papeleira con plástico reciclado achegado polas familias.

Estas actividades, apoiadas pola Xunta de Galicia e o Goberno de España mediante os fondos NextGeneration, buscan fomentar hábitos responsables e amosar á rapazada que reciclar hoxe ten un impacto positivo no futuro de todos.

 







miércoles, 5 de noviembre de 2025

O SAMAÍN QUE NOS FIXO PENSAR: TERROR DE PAPEL E PORTAS DE CINE!

 Que noite a do Samaín! No noso cole, a maxia e o misterio mesturáronse coa reflexión e, sobre todo, coa creatividade desbordante de todo o alumnado. Foi unha celebración inesquecible que nos fixo mirar máis alá das cabazas e as pantasmas.

👉O Medo que non se esconde: "ISTO SI QUE É TERROR"

Este ano, quixemos darlle unha volta á tradición. Preguntámonos: que nos asusta de verdade? E a resposta está no noso incrible mural colectivo: "ISTO SI QUE É TERROR".

En lugar de monstros con dentes, atopamos os medos reais: as inxustizas, as guerras, o planeta que pide axuda... O mural, feito con anacos de xornal, converteu os titulares en "monstros de papel" que nos invitan a non ignorar o que pasa no mundo. Foi unha lección de conciencia e un berro de que o medo máis grande é o que decidimos non ver. Parabéns a todos e todas pola vosa valentía para afrontar estes temas!

👉Portas de Pesadelo (e de Arte!)

E que dicir do noso Concurso de Decoración de Portas? Simplemente espectacular! Cada clase converteu a súa porta nunha obra de arte, mesturando o terror máis clásico coa orixinalidade máis enxeñosa. Vimos de todo: dende o máis arrepiante ata o máis divertido e creativo.

 A competición estivo apertadísima, pero o xurado tivo que decidir. Os gañadores foron:

Clase

Premio

4º A

Porta máis Orixinal e Enxebre

4º B

Porta máis Terrorífica

3º C

Porta máis Creativa


Un aplauso xigante para os gañadores e, sobre todo, para cada rapaz e rapaza que puxo o seu corazón e a súa imaxinación nesta festa. Grazas a toda a comunidade educativa por facer deste Samaín 2025 un espazo de arte, reflexión e moita, moita diversión!



Premendo na imaxe podedes ver o vídeo das nosas creacións e coa canción de fondo composta por nós mesmos!




miércoles, 29 de octubre de 2025

“SAMAÍN: OU COMO GALICIA VENCEU AO HALLOWEEN AMERICANO COA SÚA PROPIA TRADICIÓN”

 O alumnado de 3º da ESO do CPI As Mirandas volve sorprender coa calidade e o fondo dos seus contidos na nosa canle "tesmoitalingua". Nesta ocasión, Manu e Valentina mergúllannos no significado do Samaín na cultura popular galega, unha viaxe fascinante ás nosas raíces celtas para recuperar a maxia das ánimas, os 'calacús' e a Santa Compaña, unha auténtica reivindicación da nosa identidade e un acto de memoria.

 Ademais, Manu e Valentina comparten consellos para celebrar un Samaín auténtico, respectando as tradicións e a identidade cultural galega. Esquece o 'Truco ou Trato' e descubre como vivir un Samaín de verdade!"

Convidamos a todos e todas a escoitar este interesante podcast.

#Samaín #CulturaGalega #Tesmoitalingua #ColexioAsMirandas #TradiciónVsHalloween

 


viernes, 24 de octubre de 2025

24 DE OUTUBRO. DÍA DAS BIBLIOTECAS

A Dirección Xeral do Libro, o Cómic e a Lectura, a través da Subdirección Xeral de Coordinación Bibliotecaria, impulsa a celebración do Día das Bibliotecas, este 24 de outubro de 2025. O lema deste ano, "Contra a desinformación: bibliotecas", pretende destacar o papel fundamental que desempeñan todas as tipoloxías de bibliotecas (públicas, escolares, universitarias, especializadas e nacionais/rexionais) na loita contra a desinformación.



 

viernes, 17 de octubre de 2025

OBRADOIRO DE FOTOGRAFÍA NO CPI AS MIRANDAS

 O CPI As Mirandas en colaboración co Concello de Ares organizou un obradoiro de fotografía dirixido ao alumnado de ESO. A actividade contou coa colaboración de Mikel Díaz e Martín Quintián, directivos da Asociación Fotografía Ferrolterra, quen se encargaron de impartir a sesión.

Durante o obradoiro, o alumnado tivo a oportunidade de recibir unha charla amena e de gran interese, na que se abordaron nocións básicas de fotografía dixital, incluíndo aspectos prácticos sobre como realizar fotografías co teléfono móbil. Ademais, tratáronse conceptos fundamentais como hardware e software, os diferentes planos fotográficos, o enfoque, os axustes e modos da cámara, así como diversos consellos clave para mellorar a calidade das imaxes.

A actividade resultou moi enriquecedora, e a rapazada amosou un alto grao de atención e interés durante a sesión.

Desde o centro, animamos ao alumnado a poñer en práctica o aprendido e a participar na IX Edición do Concurso de Fotografía Xuvenil organizado polo Concello de Ares. Lembramos que das obras presentadas sairán as fotografías que se incorporarán ao calendario municipal do ano 2026, que se distribúe entre toda a veciñanza e a comarca.

📅 Lermbrade que o prazo de presentación das fotografías remata o 31 de outubro.

 






lunes, 6 de octubre de 2025

miércoles, 1 de octubre de 2025

DESCUBRINDO O BOSQUE: UNHA XORNADA MÁXICA NO PINAR DE ARES

O alumnado de 1º e 2º de Primaria gozou hoxe dunha fermosa actividade ao aire libre no pinar de Ares. Foi unha mañá chea de aprendizaxe, descubrimentos e moita ilusión.

Grazas á compañía de Celsa, quen compartiu con nós o seu gran coñecemento sobre as árbores, os nenos e nenas puideron aprender moitas curiosidades sobre a natureza que nos rodea. Descubrimos que existen diferentes tipos de follas —como as palmeadas e as aserradas—, o nacemento dun Arce galego de forma ventureira... Aproveitando así  para falarlles do xarope de arce e dos seus froitos, cos que, por suposto, xogamos e fixemos voar con moita alegría.

Esta actividade marca o comezo do noso novo proxecto nas aulas: “O bosque máxico”. A partir de agora, os nosos pequenos e pequenas detectives converteranse en investigadores e investigadoras do mundo dos bosques, explorando as árbores, os animais que os habitan e todos os froitos e recursos que podemos atopar neles e aproveitar na nosa vida cotiá.

Un día inesquecible que nos abre as portas a un trimestre cheo de natureza, maxia e aprendizaxe!








martes, 30 de septiembre de 2025

XA ESTÁ AQUÍ A IX EDICIÓN DO CONCURSO DE FOTOGRAFÍA XUVENIL CONCELLO DE ARES

Xa temos aquí a IX Edición do Concurso de Fotografía Xuvenil que o Concello de Ares en colaboración co noso cole organiza cada ano. Como sabedes, deste concurso sairán as fotografías que se incorporarán ao calendario municipal do ano 2026 e que se distribúe entre toda a veciñanza e comarca.

A que che gustaría que a túa fotografía formase parte do calendario deste ano?. Pois xa sabes o que tes que facer, colle o teu móbil ou cámara de fotos e anímate a fotografiar espazos, lugares, obxectos, actos ou situacións da nosa contorna que consideres parte da túa, da nosa identidade.

ANIMÁDEVOS A PARTICIPAR!!!!!!







martes, 23 de septiembre de 2025

XA TEMOS RADIO ESCOLAR NO CPI AS MIRANDAS!

 Victoria (coordinadora de Polos Creativos), Manu Ramil (o noso xenial axudante de son) e Yoli (coordinadora do EDLG) estiveron montando toda a infraestrutura da radio escolar. A verdade é que aínda nos faltan algúns pequenos detalles por ultimar, pero o noso proxecto de radio xa está en marcha e dispoñible para todo o profesorado e alumnado.

A rapazada de terceiro foi a primeira en atreverse a facer os primeiros programas, de maneira improvisada, e a experiencia resultou moi satisfactoria: gozaron moito!. Tanto é así, que a rapazada de segundo uniuse a experiencia e xa están comezando a dar ideas para próximos programas.

Agardamos que esta nova ferramenta sexa un recurso útil para todas as materias e para todo o alumnado do cole. Desde aquí animámosvos a empregala e a darlle vida a esta nova aventura radiofónica.













sábado, 21 de junio de 2025

ACTO DE GRADUACIÓN 4º ESO. CPI AS MIRANDAS

 

Este  venres, 20 de xuño, o pavillón municipal encheuse de emoción, ledicia e, tamén, algunha bágoa. Celebramos o acto de graduación do noso alumnado de 4º da ESO, unha xornada inesquecible na que compartimos momentos únicos xunto ás familias, o profesorado, compañeiros e compañeiras, e representantes do Concello.

Despois de semanas de traballo intenso, exames, noites sen durmir e moito esforzo, chegou o momento máis agardado: o final dunha etapa. Para estas rapazas e rapaces, que medraron entre as paredes do CPI As Mirandas, esta graduación marcou o peche dun capítulo cheo de aprendizaxes, amizades e vivencias que os acompañarán sempre.

Foi unha cerimonia cargada de sentimentos, onde se mesturaron os nervios co orgullo, a alegría co agradecemento. Escoitamos palabras fermosas, lembramos anécdotas, sorrimos xuntos... e tamén choramos un pouquiño, porque despedirse nunca é doado cando se deixa atrás tanto vivido.

Desde o centro, só podemos dicir grazas: por todo o compartido, polo camiño percorrido con vós, pola vosa ilusión e pola pegada que deixades neste colexio, que sempre será a vosa casa.

Desexámosvos de corazón toda a sorte do mundo na nova etapa que comezades. Enfrontádea con valentía, coa mesma forza que vos trouxo ata aquí. E non esquezades nunca que as portas do CPI As Mirandas estarán sempre abertas para vós. Porque, por moito que pase o tempo, seguiredes sendo parte da nosa historia.

Boa viaxe, promo 2025. Ata sempre.

VIDEO RECORDO DO PASO POLO NOSO COLE







jueves, 19 de junio de 2025

VISITA AO ESTUDIO DE GRAVACIÓN "3ª PLANTA" DE MANU RAMIL

 Hoxe, os alumnos e alumnas de 2º de ESO tivemos unha experiencia única grazas á invitación de Manu Ramil, quen nos propuxo, cando estivo no noso cole, visitar o seu estudo de gravación "3ª Planta". Con moita ilusión, dispuxémonos a ir, e alí Manu nos deu unha cálida benvida e comezamos a nosa xira.

O primeiro que nos mostrou foi o propio estudio, un espazo cheo de ferramentas de gravación e todo tipo de tecnoloxía que nos deixou a todos impresionados. Manu explicou  como se grava música e coma funciona todo o proceso. Pero o mellor chegou cando nos deu a oportunidade de sentarnos na mesa de gravación e tamén, coa a súa axuda, improvisamos e gravamos un rap.

A verdade é que foi unha experiencia divertidísima. Alí, entre risas , os de 2º A e 2º B fixemos un "rap" un pouco competitivo, coma se fose unha auténtica batalla de galos. Xa sabedes, o que comezou coma unha improvisación entre amigos rematou sendo unha verdadeira "pelexa" musical, ja,  ja, ja...

Pasámolo xenial e gustaríanos volver outra vez. De verdade, moitísimas grazas a Manu por facernos sentir tan ben e por compartir con nós a túa paixón pola música. Foi unha xornada inesquecible.

Moitas grazas, Manu, eres o mellor!





Ah! , encantounos o último videoclip do seu novo single de  Adventus . Aquí o deixamos para que o escoitedes.