jueves, 18 de abril de 2013

VISITA DO ILUSTRADOR GRÁFICO ANTONIO SEIJAS AO NOSO COLE


 Hoxe tivemos  o pracer de contar no noso colexio coa presenza do ilustrador gráfico aresán Antonio Seijas. Toni que ven de gañar o premio Isaac Díaz Pardo ao mellor libro ilustrado do 2012 pola adaptación da novela Cartas de Inverno de Agustín Fernández Paz, fixo un percorrido pola súa obra e falou aos rapaces e rapazas da ESO sobre como “dou a luz” á novela de Agustín Fernández Paz, sobre como puxo rostro aos personaxes, sobre a técnica utilizada na súa creación, a montaxe das viñetas, a relación entre a imaxe e o texto …, nunha incrible exposición didáctica.
Amosounos tamén parte da súa obra no campo da ilustración que vai desde traballos para revistas, xornais, webs, cubertas de libros así como ilustracións para literatura infantil e xuvenil en diferentes editoriais. O seu talento como ilustrador gráfico levoulle a converterse en deseñador de portadas musicais para grupos de éxito e recoñecemento internacional, como a prestixiosa banda de rock Marillion ou a  noruega Gazpacho das que nos amosou imaxes.
Pero de todo o que dixo quedámonos co consello que Antonio lles dou aos rapaces e rapazas e que reflicte toda a paixón e emoción que pon na súa arte dixital:
 “ Se alguén de vós quere facer algo relativo a isto que o faga poñéndolle toda a súa alma; a técnica non importa tanto como a idea que queres plasmar. Unha imaxe bonita ten que dicir algo máis que o que é, ten que transmitir emocións, así que, ao que fagades, tedes que poñerlle alma e facelo co corazón xa que ese é o xeito de que chegue ás persoas”. E iso mesmo é o que fai Antonio, repartir emocións a través da imaxe e facernos soñar máis aló do noso  maxín.
Grazas Antonio pola visita ao noso centro que é o teu, polas túas palabras e consellos, por engaiolarnos coa túa creación e por ser un orgullo para todos os aresáns.

                                Marisa, a profe de EPV, presentando a Antonio Seijas

Dous momentos da exposición de Antonio Seijas



Antonio con Vilariño, quen veu a exposición de Seijas e aproveitou para  que lle firmara un dos seus libros. Por certo, Vilariño foi profesor de debuxo de Antonio cando iste estudaba no cole de Ares.

                                                                  Firmando os libros

                                           Antonio Seijas fálanos da Banda deseñada 

                             

No hay comentarios:

Publicar un comentario