martes, 24 de mayo de 2011

LAURA ENTREVISTA AO NOSO DIRECTOR QUE ESTE ANO SE XUBILA

Este é o derradeiro curso académico no que imos contar coa presenza do noso director José Freire que nos acompañou durante moitos anos. José deixa a dirección e a docencia despois de trinta e catro anos no noso centro. Comeza así unha merecida etapa de descanso, que non de inactividade, xa que de seguro se entregará ao resto das súas paixóns con xúbilo, que é como debe entenderse toda xubilación.
Laura Pita, alumna de 1º da ESO entrevistou a Freire como cariñosamente se lle chama, e aquí tedes a fantástica entrevista da nosa reporteira.

L: Freire é o noso director e este ano xubílase depois de moitos anos traballando neste colexio. Ademais de director é profesor de "mates" en 1º e 2º da ESO. Pedímoslle que nos contestase unhas preguntiñas e el moi amablemente accedeu.

L: Bo día Freire!. Comezamos a entrevista con unha preguntiña moi sinxela.Cantos anos levas traballando no "Conde de Fenosa"?.

F: Levo traballando neste centro nada máis e nada menos que 34 anos, que se di moi pronto...

L: Cal foi o mellor recordo do teu traballo e o peor?.

F: O mellor recordo, rematar cunha tarefa que intentei facer o mellor posible e con toda a ilusión. O peor, algúns momentos difíciles nos que hai que resolver problemas graves como faltas de espazo no centro, falta de profesores, falta de limpieza...

L: Que che gusta máis, ser director ou profesor?.

F: Unha cousa non pode ir sen a outra. Un director sen ser profesor non se enteraría de nada. Pero ante todo son profesor.

L: Que pensas facer despois de xubilarte?

F: Despois de xubilarme teño pensado facer moitas actividades. A verdade é que xa estou inmerso en moitas delas polo que continuarei coas mesmas, pero agora con máis calma e máis tempo.

L: Virás algunha vez a vernos?.

F: Por suposto que virei, máis dunha vez.

L: Hai algunha diferenza entre os alumnos de agora e os de cando empezaches a traballar?.

F: Si que hai moita diferenza sobre todo en como ocupan o tempo de lecer. Antes non había ordenadores, móbiles nin internet. Iso marca moito, tanto á hora de ocupar o tempo libre como á hora dos estudos. Que sería de v´ss se vos quitasen todo iso?. En fin... pero hai que recoñecer que sempre houbo alumnos bos, máis bos e menos bos.

L: Cóntanos algunha anecdota que che acontecese nestes anos que levas traballando?.

F: Ao longo da miña traxectoria profesional houbo moitas anecdotas. É anecdótico por exemplo que alumnos meus estean dando clases como profesores no noso centro. E tamén é curioso que a veces os alumnos que foron mais "cacos" no seu tempo, son os que agora veñen a dicir que lles metamos caña aos seus fillos para que se comporten ben...

L: Aquí remata a entrevista. Gustaríache contar algo máis?.

F: Pois si, o que quero recordar cando me vaia é a parte positiva e bonita de toda a miña traxectoria, e todo o tempo que estiven no CPI “Conde de Fenosa”.

Por último quero agradecerlle a toda a comunidade educativa o seu apoio e colaboración en todos este anos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario