jueves, 24 de abril de 2025

XV CARREIRA SOLIDARIA DO NOSO COLEXIO: UN DÍA DE LUZ E ESPERANZA

 Nun día soleado, no que o tempo nos acompañou, o noso colexio celebrou a XV Carreira Quilómetros de Solidariedade, consolidándose como Centro Embaixador de Save The Children por décimo quinto ano consecutivo. Coma sempre, foi unha xornada chea de ilusión, esforzo e solidariedade.

Calzar as nosas zapatillas e correr por unha causa solidaria é unha experiencia que merece a pena, xa que moitos nenos e nenas en lugares pequenos, facendo cousas pequenas, poden cambiar a vida das máis vulnerables. O alumnado de infantil e primaria realizará a carreira no mes de xuño, como remate do curso, xa que os estudantes de ESO estarán nese mes inmersos nos exames finais.

Todo o recadado nesta iniciativa será enviado á ONG Save The Children, da que somos centro Embaixador desde hai 15 anos.

 Queremos agradecer a participación de todo o alumnado e profesorado, así como ás familias que patrocinaron a carreira coas súas doazóns. Tamén agradecemos ao concello, á policía local de Ares e a protección civil a súa colaboración e apoio.

Esta carreira é unha mostra do noso compromiso coas causas solidarias e unha oportunidade para ensinar ao noso alumnado o valor de axudar aos demais. Seguiremos traballando xuntos por un mundo máis xusto e solidario.

miércoles, 23 de abril de 2025

CELEBRAMOS O DÍA DO LIBRO NO NOSO COLEXIO!


Este ano, no noso colexio, a celebración do Día do Libro estivo chea de creatividade, entusiasmo e moito amor pola lectura. Para conmemorar esta data tan especial, o alumnado participou en diversas actividades que enriqueceron a nosa comunidade educativa.

Un dos momentos máis destacados foi a creación dun fermoso mural, elaborado con moito cariño e talento polo noso alumnado, que reflicte a importancia dos libros e da lectura nas nosas vidas. Ademais, realizouse un concurso de marcapáxinas, onde os estudantes demostraron a súa creatividade deseñando pezas únicas e coloridas que acompañarán as súas lecturas.

Tamén se levaron a cabo diversas actividades lúdicas e culturais, entre elas, destacou a quinta edición do concurso de microrrelatos, unha iniciativa que invita á nosa rapazada  a expresar as súas ideas en textos breves pero impactantes.

Tamén dende a Biblioteca Carabela un ano máis polo día do libro realizouse o III Desfile de Personaxes
de Contos que, coma sempre foi un éxito.

Grazas á participación de toda a comunidade educativa, o Día do Libro no noso colexio foi unha xornada chea de inspiración , reafirmando o noso compromiso coa promoción da lectura como unha ferramenta fundamental para o desenvolvemento persoal e académico.

¡Feliz Día do Libro a todos!




MARCAPÁXINAS GAÑADORES DO CONCURSO



sábado, 19 de abril de 2025

CELEBRAMOS O ANO CASTELAO 2025: 75 ANOS DO SEU PASAMENTO

Este 2025 é o Ano Castelao, unha data moi especial que conmemora o 75º aniversario do pasamento do noso ilustre escritor, político e artista, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Sen dúbida, Castelao é unha das figuras máis importantes da Galicia contemporánea, un referente que, xunto con Rosalía de Castro, marcou a historia e a cultura da nosa terra.

Rosalía de Castro, no século XIX, e Castelao, no século XX, representan os dous grandes piares da galeguidade. Ambos foron pioneiros na defensa da nosa lingua, cultura e identidade, e o seu legado segue vivo na nosa sociedade.

Este aniversario busca unir a toda a sociedade galega en torno ao seu legado cultural, político e artístico, así como promover o uso da lingua galega e valorar a súa importancia na nosa historia. É unha oportunidade para aprender, recordar e valorar a figura de Castelao, que tanto fixo por Galicia.

No noso centro, conmemoramos esta data con ilusión e respecto, organizando unha exposición sobre a vida e obra do egrexio rianxeiro. Poderemos ver libros, cadernos e debuxos que nos axudarán a coñecer mellor a súa figura e a súa aportación á cultura galega. Ademais, realizaremos actividades nas aulas que nos permitirán estudar, reflexionar e celebrar a súa memoria, facendo que o seu legado siga vivo entre nós.







Achegamos distintos recursos sobre a celebración do ano Castelao por se é do voso interese e querédelo aplicar nas aulas.

1.Recursos Ano Castelao 2025. Formato PDF

2.Recursos Ano Castelao 2025. Formato Calameo 

3. Díptico Ano Castelao 2025

4. Cartel ano Castelao 2025


 

ACTIVIDADE REALIZADA POLO DEPARTAMENTO DE LINGUA GALEGA PARA O ALUMNADO


Legado de Castelao by yolick20003194

martes, 15 de abril de 2025

RECOLLIDA DE MOSTRAS PARA O NOSO PROXECTO DE BIOLOXÍA

 Hoxe queremos compartir con todos vós unha experiencia emocionante na que estamos inmersos: un proxecto de bioloxía no que colaboraremos co  xenetista Angel Carracedo, e que centraremos  no estudo da xenética dos poliquetos, uns fascinantes gusanos anélidos mariños que habitan no noso litoral. Este proxecto promete ser moi enriquecedor e, en breve, darémosvos conta del.

Para a recollida de mostras do proxecto,que fixemos hoxe na praia de Centeás,  tivemos a sorte de contar cun convidado moi especial: Javier Cristobo, biólogo e científico aresano. Aínda que acaba de regresar dunha expedición á Antártida, Javier non dubidou en atender a nosa chamada e fixo unha viaxe relámpago a Ares para acompañarnos na recollida de mostras.

Durante a súa visita, Javier ofrecéunos unha clase maxistral, onde nos explicou detalladamente o método de recollida de especies, como conservar o material xenético que obtivemos, e como etiquetar correctamente as mostras. Aprendemos del un sen fin de cousas que serán fundamentais para o noso proxecto.

Queremos agradecer a Javier a súa inestimable axuda e o seu compromiso co noso alumnado. A súa disposición para ensinar e motivar é un exemplo a seguir. Grazas mil, Javier! Estamos emocionados por todo o que nos queda por descubrir neste proxecto e por contar con persoas coma ti que nos inspiran a seguir aprendendo.

Estade atentos, porque pronto compartiremos máis novidades sobre o noso traballo!

viernes, 11 de abril de 2025

A RUTA DA SEDA DE MARCO POLO

 

Durante o 2° trimestre, o alumnado de 1º e 2º de primaria embarcouse nunha emocionante aventura co proxecto titulado "A Ruta da Seda de Marco Polo". Este proxecto permitiu aos nenos e nenas explorar e descubrir diferentes culturas e paisaxes a través de diversas actividades educativas.

Todos e todas experimentaron en diferentes ambientes de aprendizaxe, onde tiveron a oportunidade de utilizar distintas técnicas de arte. Pintaron, debuxaron e crearon obras inspiradas nos lugares que Marco Polo visitou na súa famosa viaxe. Ademais, realizaron xogos con sombras que non só fomentaron a súa creatividade, senón que tamén lles axudaron a comprender conceptos de luz e forma.

Outro aspecto destacado do proxecto foi a exploración dos animais do mundo. Aprenderon sobre a fauna que habita nas rutas que percorreu Marco Polo, o que lles permitiu conectar co medio ambiente e a biodiversidade do planeta. A través de xogos e actividades prácticas tamén puideron sentir e experimentar a natureza de maneira directa.

Este proxecto non só se centrou no coñecemento, senón que tamén buscou que os alumnos sentisen a aprendizaxe a través dos sentidos. A manipulación de materiais, a observación e a interacción co seu entorno foron fundamentais.

Ao finalizar o proxecto, os nenos e nenas tiveron a oportunidade de expoñer todo o que aprenderan ao resto do alumnado dos diferentes cursos. Foi un momento moi especial onde explicaron, compartiron as súas experiencias e mostraron as súas creacións artísticas. Para celebrar esta experiencia, fixeron unhas chapas cun dos debuxos de Marco Polo,  co que agasallaron a todos os seus compañeiros.

Este proxecto non só foi unha viaxe a través da historia, senón tamén unha forma de conectar co mundo que nos rodea, aprendendo a través do xogo e da manipulación. Sen dúbida, "A Ruta da Seda de Marco Polo" quedará na memoria de todos como unha experiencia educativa enriquecedora e divertida!




miércoles, 9 de abril de 2025

ESPAZO INTERXERACIONAL: FÁLAME DA EMIGRACIÓN

 Outro curso máis o noso centro  está a participar  no programa interxeracional que Afundación (Fundación Galicia Obra Social) realiza nos centros educativos. Un encontro de diálogo e experiencias compartidas  entre maiores e estudantes.

Como en anos anteriores, na primeira sesión deste encontro interxeracional, viñeron compartir con nós as súas historias tres persoas que pasaron pola experiencia da emigración en Europa e América. Contáronnos as diferentes motivacións para emigrar, as dificultades e os aspectos positivos ou negativos da mesma así como as diferenzas da emigración que se está a dar no noso país na actualidade con respecto á que viviron eles.

O luns 7 de abril  tivemos a segunda sesión e a rapazada de 2º de ESO tras investigar sobre a historia de vida das súas propias familias, compartiron os seus traballos narrando a emigración que tiveron que vivir os seus avós ou familiares así como a experiencia en primeira persoa da  alumna Ana Victoria ou da nai e o avó de Valentina Belú que nos acompañaron na xornada.

Non temos máis que estar agradecidos aos nosos e nosas visitantes por compartir e transmitir os seus coñecementos e experiencia para que o noso alumnado se beneficie do legado das persoas maiores e que a comunidade educativa incorpore novas modalidades de aprendizaxe favorecendo en todos os casos o diálogo, a cooperación e o entendemento entre as distintas xeracións.

 












martes, 1 de abril de 2025

O ALUMNADO DE ESO VISITA A EXPOSICIÓN GALICIA EN FOCO

Hoxe, o alumnado de 4º e 3º de ESO tivemos a oportunidade de achegarnos á Casa da Xuventude para visitar a exposición "Galicia en Foco". Esta mostra fotográfica, que xa chega á súa 33ª edición, é un verdadeiro agasallo para os amantes do fotoxornalismo e da cultura galega. Ao entrar na sala, fomos recibidos por unha serie de imaxes que capturan a esencia da nosa terra. Cada fotografía é unha crónica visual que narra os grandes acontecementos que a sociedade galega viviu nos últimos tempos. Desde festivais tradicionais até momentos de cambio social, cada instantánea contaba unha historia que nos conectaba co noso entorno e a nosa historia. A través da óptica dos fotoxornalistas, puidemos apreciar o seu labor e profesionalidade, que se traduce en imaxes poderosas e cheas de significado. É impresionante ver como cada fotógrafo consegue capturar a esencia do momento, convertendo a súa mirada en testemuña da Galicia contemporánea. A verdade é que as fotografías nos impresionaron moito. Cada unha delas era un convite a mergullarnos na historia que contaban, e a todos nos gustou moito a exposición. Recomendamos a todo o mundo que se achegue a visitala, non vos deixará indiferentes.

 








XA ESTÁ AQUÍ O V CONCURSO DE MICRORRELATOS E ESCRITURA CREATIVA