miércoles, 29 de octubre de 2025

“SAMAÍN: OU COMO GALICIA VENCEU AO HALLOWEEN AMERICANO COA SÚA PROPIA TRADICIÓN”

 O alumnado de 3º da ESO do CPI As Mirandas volve sorprender coa calidade e o fondo dos seus contidos na nosa canle "tesmoitalingua". Nesta ocasión, Manu e Valentina mergúllannos no significado do Samaín na cultura popular galega, unha viaxe fascinante ás nosas raíces celtas para recuperar a maxia das ánimas, os 'calacús' e a Santa Compaña, unha auténtica reivindicación da nosa identidade e un acto de memoria.

 Ademais, Manu e Valentina comparten consellos para celebrar un Samaín auténtico, respectando as tradicións e a identidade cultural galega. Esquece o 'Truco ou Trato' e descubre como vivir un Samaín de verdade!"

Convidamos a todos e todas a escoitar este interesante podcast.

#Samaín #CulturaGalega #Tesmoitalingua #ColexioAsMirandas #TradiciónVsHalloween

 


viernes, 24 de octubre de 2025

24 DE OUTUBRO. DÍA DAS BIBLIOTECAS

A Dirección Xeral do Libro, o Cómic e a Lectura, a través da Subdirección Xeral de Coordinación Bibliotecaria, impulsa a celebración do Día das Bibliotecas, este 24 de outubro de 2025. O lema deste ano, "Contra a desinformación: bibliotecas", pretende destacar o papel fundamental que desempeñan todas as tipoloxías de bibliotecas (públicas, escolares, universitarias, especializadas e nacionais/rexionais) na loita contra a desinformación.



 

viernes, 17 de octubre de 2025

OBRADOIRO DE FOTOGRAFÍA NO CPI AS MIRANDAS

 O CPI As Mirandas en colaboración co Concello de Ares organizou un obradoiro de fotografía dirixido ao alumnado de ESO. A actividade contou coa colaboración de Mikel Díaz e Martín Quintián, directivos da Asociación Fotografía Ferrolterra, quen se encargaron de impartir a sesión.

Durante o obradoiro, o alumnado tivo a oportunidade de recibir unha charla amena e de gran interese, na que se abordaron nocións básicas de fotografía dixital, incluíndo aspectos prácticos sobre como realizar fotografías co teléfono móbil. Ademais, tratáronse conceptos fundamentais como hardware e software, os diferentes planos fotográficos, o enfoque, os axustes e modos da cámara, así como diversos consellos clave para mellorar a calidade das imaxes.

A actividade resultou moi enriquecedora, e a rapazada amosou un alto grao de atención e interés durante a sesión.

Desde o centro, animamos ao alumnado a poñer en práctica o aprendido e a participar na IX Edición do Concurso de Fotografía Xuvenil organizado polo Concello de Ares. Lembramos que das obras presentadas sairán as fotografías que se incorporarán ao calendario municipal do ano 2026, que se distribúe entre toda a veciñanza e a comarca.

📅 Lermbrade que o prazo de presentación das fotografías remata o 31 de outubro.

 






lunes, 6 de octubre de 2025

miércoles, 1 de octubre de 2025

DESCUBRINDO O BOSQUE: UNHA XORNADA MÁXICA NO PINAR DE ARES

O alumnado de 1º e 2º de Primaria gozou hoxe dunha fermosa actividade ao aire libre no pinar de Ares. Foi unha mañá chea de aprendizaxe, descubrimentos e moita ilusión.

Grazas á compañía de Celsa, quen compartiu con nós o seu gran coñecemento sobre as árbores, os nenos e nenas puideron aprender moitas curiosidades sobre a natureza que nos rodea. Descubrimos que existen diferentes tipos de follas —como as palmeadas e as aserradas—, o nacemento dun Arce galego de forma ventureira... Aproveitando así  para falarlles do xarope de arce e dos seus froitos, cos que, por suposto, xogamos e fixemos voar con moita alegría.

Esta actividade marca o comezo do noso novo proxecto nas aulas: “O bosque máxico”. A partir de agora, os nosos pequenos e pequenas detectives converteranse en investigadores e investigadoras do mundo dos bosques, explorando as árbores, os animais que os habitan e todos os froitos e recursos que podemos atopar neles e aproveitar na nosa vida cotiá.

Un día inesquecible que nos abre as portas a un trimestre cheo de natureza, maxia e aprendizaxe!