jueves, 15 de mayo de 2025

MANUEL RAMIL NO NOSO COLE

 Manuel Ramil: A paixón pola música e a loita polos nosos soños

Hoxe o noso centro tivo o pracer de recibir a un invitado moi especial: o músico, compositor e produtor aresán Manuel Ramil. Esta visita foi posible grazas aos departamentos de linguas, que convidaron a Manu a compartir a súa experiencia e traxectoria como músico co alumnado de 2º da ESO, dentro dun proxecto que están a facer.

Durante a charla, Manuel Ramil deixou unha mensaxe moi importante para todos nós: na vida, sempre debemos traballar para acadar os nosos soños. Animounos a dedicarnos a facer o que nos gusta, porque cando o fas, a sensación de que non estás a traballar realmente é moi grande. Ter unha vocación e poder dedicarse a ela é unha parte fundamental da felicidade na vida.

Manu contou a súa propia historia, desde os seus comezos de neno, cando comezou a tomar clases de solfeo e piano. Aínda que se licenciou en ciencias políticas en Santiago de Compostela, a súa verdadeira paixón era a música. Durante a súa etapa de estudante, formou parte da banda Torquemada e comezou a tocar en bares e pubs, aínda que o seu pai non estaba moi dacordo con que intentara dedicarse a iso. Pero Manu non se rendeu e, pouco a pouco, pasou de tocar en pequenos festivais a cumprir o seu soño de tocar con bandas profesionais en países como España, México, Colombia e América.

WarCry, Mägo de Oz, Avalanch, Delalma…son algunhas das bandas nas que Manu Ramil desenvolveu e desenvolve a súa faceta como músico, compositor e produtor. Ademais, creou un proxecto de cancións personalizadas chamado "Cancións de Colores para a Guagua" coa que tamén colabora.  Xa vedes que traxectoria máis apaixonante!

Manu tamén nos convidou a visitar o seu estudio de gravación e incluso a facer algunha cousíña alí, o que nos pareceu unha oportunidade incrible.

Para rematar, quixemos agradecer a Manu Ramil pola súa visita, polos seus consellos e por aportarnos tanto coa súa experiencia. A súa historia e palabras deixaron unha pegada moi forte en todos nós, e estamos desexando seguir os seus consellos e traballar polos nosos soños.





No hay comentarios:

Publicar un comentario