viernes, 17 de mayo de 2024

CELEBRAMOS O DÍA DAS LETRAS GALEGAS NO CPI AS MIRANDAS

 Hoxe o noso centro educativo, CPI As Mirandas, vestiuse de gala para lembrar e honrar a memoria de Luísa Villalta, autora homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas.

Desde primeira hora da mañá un grupiño de alumnos e alumnas de 4º de ESO realizaron un percorrido por todas as clases do noso centro para falar sobre a vida e obra da autora homenaxeada, recitando fragmentos da súa poesía e transmitindo a súa mensaxe e o seu legado a todos os presentes.

O acto central discorreu ao carón do  mural dedicado á autora onde a música, a poesía e a comunidade educativa uníronse para homenaxear a obra e  o legado de Luísa Villalta  e para lembrar e reivindicar, ao mesmo tempo, o idioma galego como lingua de comunicación e expresión na  cotidianeidade do noso día a día.

A lectura de poemas e a música interpretada pola nosa mini Big band transportounos ás terras e paisaxes que Luisa Villalta soubo retratar con mestría na súa obra.

E, como colofón, o himno galego resoou reafirmando o orgullo e a identidade da nosa lingua.





martes, 14 de mayo de 2024

PANEL EXPOSITIVO LETRAS GALEGAS 2024: LUISA VILLALTA

 

Achégase o Día das Letras Galegas, adicado este ano a Luisa Villalta. Na entrada do edificio de educación secundaria podedes visitar a exposición gañadora do concurso Letras Galegas 2024, titulada "Viaxe polo metaverso con Luísa Villalta", e realizada polo centro de FP A Carballeira (Ourense). A proposta deste centro é innovadora, amosando a protagonista das Letras Galegas, Luísa Villalta, coma un avatar que convida a percorrer a súa traxectoria persoal e profesional a través do metaverso, unha realidade virtual na que se dispoñen imaxes, recursos e actividades educativas. 

jueves, 9 de mayo de 2024

VII EDICIÓN DO CONCURSO DE PORTADA DE LIBROS

O Equipo de Dinamización Lingüística (EDLG) e a  Biblioteca Escolar Carabela organizan a VII Edición do Concurso de deseño de cubertas de libros. Con esta iniciativa preténdese fomentar a lectura en lingua galega así como  potenciar as capacidades creativas do alumnado.   

Animádevos a participar!


BASES

1.- Dirixido a: Todos os alumnos/as do CPI  As Mirandas, que poderán participar cun máximo de

 3 obras. En infantil o traballo a presentar será de aula.

2.- Tema: O concurso ten por obxecto a creación dun deseño gráfico para a portada ou cuberta dun libro que o alumno/a teña lido. Na portada ten que constar  o título e o nome do autor do libro ademáis da decoración que o alumno/a desexe engadir: fondos, fotos , debuxos, distintos tipos de letras, diversos materiais, etc. O libro pode ser de calquera xénero: poesía, contos, novela, teatro, ensaio, divulgación… Pola parte de atrás irá o nome e curso do alumno/a participante.

3.- Formato: Tamaño mínimo un cadrado  de 21x21 cm. e máximo un A3 (29,7x42 cm). Pódese variar a forma do soporte sempre que quede dentro das dimensións mínimas e máximas sinaladas.

4.- Técnica: Poderase utilizar calquera tipo de técnica bidimensional: rotuladores, lapis, témperas, collage, banda deseñada,etc. Tamén se poden combinar técnicas: letras a ordenador e debuxos a man, fondos de témpera e un collage superposto, composicións feitas con volumen e despois fotografiadas, etc.

5.- Soporte: En función da técnica dos traballos, pódense entregar en papel, cartolina, cartón,  lenzo ou como un arquivo informático se é o caso dun traballo feito por ordenador.

6.- Data e lugar de entrega: A data de entrega comeza  o 13 de maio e remata o 30 de maio. Os traballos entregaranse na Biblioteca ou á coordinadora do EDLG.

7.-Premios:  O xurado dictaminará os gañadores e otorgaranse varios premios en función das idades. En infantil serán premios de aula.

Con todos os traballos presentados farase unha exposición no centro así como a presentación dos mesmos a través dos blogues do EDLG e da Biblioteca.


miércoles, 24 de abril de 2024

ENTREGA DE PREMIOS DO IV CONCURSO DE MICRORRELATOS

A  Alianza Aresana acolleu este martes 23 de abril, Día do Libro , o acto de entrega de premios do IV Concurso de Escritura Creativa de microrrelatos, organizado polo CPI as Mirandas e o Concello de Ares  e  que contou cunha participación de arredor de 96 participantes, divididos en dúas categorías, a de “Primaria” (4º, 5º e 6º) e a de “ESO”.

Tras a deliberación do xurado  este decidiu o xurado decidiu outorgar o primeiro premio a Lara Vidal Díaz, polo seu microrrelato ‘O corredor’ dentro da categoría de Primaria, e a Fuhao Zheng por ‘O dilema’, na clasificación da ESO. Ambos recibiron o premio dunha tablet/ebook.

 O primeiro premio, nas respectivas categorías, foi para Lara Vidal Díaz, polo seu microrrelato ‘O corredor’ dentro da categoría de Primaria, e para Fuhao Zheng por ‘O dilema’, na categoría da ESO.Ambos recibiron o premio dunha tablet/ebook.

Tamén recibiron premios os segundos clasificados de cada categoría, neste caso un lote de libros. Así o microrrelato  ‘O asasino do soto’, de Natalia Filgueira Kempa, conságrase coma finalista desta edición en Primaria e ‘Anxos e Demos’, de Jorge Pena León, dentro da modalidade da ESO.

O xurado estivo formado por Rocío Pena, Conchi Cambeiro, Yolanda Castro, docentes no CPI As Mirandas, e Alma Barrón, edil de Cultura na localidade.

Parabéns a gañadores e finalistas!! 👏👏






martes, 23 de abril de 2024

DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO

 


O Día do Libro nace hai case 100 anos coa idea de homenaxear ao autor do Quixote, Miguel de Cervantes, ou como el asinaba, Miguel de Cerbantes. Si, con B.

Aínda que ao principio comezouse celebrando a súa figura na data do seu nacemento, os bailes de datas típicos dos doctos investigadores que poñían en dúbida que fose o 7 de outubro (esa fora a data orixinal), sumado ao mal tempo de comezos de outubro, fixo que a data se pasase ao 23 de abril, pois unha coincidencia astral fixo que coincidisen nese día a morte do xenial Cervantes coa do non menos xenial Shakespeare.

As datas bailan, os libros, no formato que sexa, permanecen. Nos nosos andeis e nas nosas cabeciñas. Axúdannos a moldearnos como persoas. Axúdannos a ser.

Por iso, na lingua que sexa, no idioma que sexa, le! ¡Lee! Lis ! читай! Read! Leggi!

Cantos máis, mellor. En cantas máis linguas ou fagas, aínda mellor.

Serás quen de pensar criticamente, de non ser enganado, de sentir, de rir, de chorar, de ter ganas de ser máis ti, de ter unha voz, de reflexionar e de ter ou teu espazo.

Todo para ti. Todo nun libro.



       


                    



O PROGRAMA RURAL TIC DEBULLA OS RISCOS DA INTERNET NO CPI AS MIRANDAS

🌐 Entre o venres pasado e este luns, 22 de abril, o alumnado de 1º e 2º da ESO do centro educativo CPI As Mirandas recibiu varias charlas impartidas polo equipo docente de Rural TIC Ares, o programa de divulgación de tecnoloxía que se está a desenvolver até o 26 deste mesmo mes na vila, no marco da colaboración do Concello co Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana.

🌐 En sesións diferenciadas, as docentes traballaron nas aulas coa rapazada para reflexionar conxuntamente sobre os riscos da Internet, mais tamén dun bo manexo das redes sociais e a importancia de ter en conta a pegada que se deixa na contorna virtual, é dicir, toda a información e contidos sobre un mesmo que fican accesibles nos buscadores.

🌐 Con vídeos e unha metodoloxía interactiva, o programa Rural TIC achegou coñecementos específicos para promover unha presenza virtual de maior calidade e, sobre todo, moito máis segura!







lunes, 22 de abril de 2024

CINZA, A OBRA QUE AGROMOU PARA UNIR CÓMIC E LITERATURA


O venres, 19 de abril,  recibimos con gran expectación a Manel Cráneo e Xavier Alcalá, que se achegaron ao CPI As Mirandas para falarnos de literatura, cómic, arte, historia, e de moitas outras cousas.

Xavier Alcalá  é un dos escritores máis senlleiros do noso país, e a súa novela A nosa cinza, un libro de referencia para varias xeracións de lectores dende que se publicou en 1980.  Esta novela é das máis vendidas na Galiza, só superada por Memorias dun neno labregoA esmorga. Como curiosidade contada polo propio autor houbo hai décadas, incluso moitos exemplares que se venderon en edicións "piratas" que permitiron que unha persoa pouco escrupulosa, fixese durante un tempo un negocio.   N´A nosa cinza, o tempo descorre entre os días de escola, a adolescencia coas súas inseguridades e medos, o espertar dos sentimentos amorosos e a descuberta do valor da amizade. Unha novela especialmente indicada para o noso alumnado de 3º ESO.

A partir da semente d´A nosa cinza xorde unha nova obra de arte, unha obra de arte diferente que sae da imaxinación, do talento de Manel Cráneo: CINZA.  Un obra que agroma con poderío e un gran impacto visual ao lector. Cinza  é a adaptación ao cómic feito por Cráneo do “long-seller” de Alcalá. Alcalá versus Cráneo. Literatura e cómic conversando da man de “dúas mentes creativas e xenerosas”.

Un novo formato que permitirá adentrarse no mundo da literatura dunha forma gozosa, a novas fornadas de lectoras e lectores. Agradecemos a xenerosidade dos autores e a súa absoluta disposición para acercarse ata Ares e amosarnos unha milésima parte da súa arte e bo facer.

Para rematar, as verbas do propio Manel Cráneo, actualmente director do Salón Viñetas do Atlántico no prefacio da obra, “ un importante anaco das nosas vidas, que como a cinza que se perde no aire, son efémeras, pero as obras prevalecen, e esta que tes nas mans agora tamén é túa”. Manel Cráneo, debuxante ou poeta?


PRESENTACIÓN A CARGO DAS ALUMNAS DE 3º ESO






jueves, 18 de abril de 2024

INAUGURACIÓN DO RELOXO SOLAR DO CPI AS MIRANDAS DE ARES


Hoxe, 18 de abril, celebramos un emocionante evento. A ocasión foi a inauguración oficial do Reloxo Solar que loce na fachada do edificio do noso centro o CPI As Mirandas, un agasallo xeneroso da Asociación de Amigos do Mosteiro de Santa Catalina.

Despois de pospoñer a inauguración por mor da climatoloxía, os astros finalmente aliñáronse e o sol brillou con esplendor iluminando o reloxo.

Na inauguración estiveron presentes: o director Tino Seco, Blanca Cortizas (anterior directora), alumnado e profesorado do centro, o Alcalde, Julio Iglesias Redondo, a  concelleira de Urbanismo Olimpia Blanco, o concelleiro de educación Luís Cendán , o presidente da ANPA e os integrantes da Asociación de Amigos do Mosteiro de Santa Catalina, Celsa Formoso (presidenta), Rogelio Pérez Varela, Lorenzo Capllonch (artista que realizou o reloxo) e Carlos Galindo.

Despois das palabras de presentación e de agradecemento do director Tino Seco, tomaron a palabra Celsa Formoso (presidenta da Asociación do Mosteiro de Santa Catalina), Blanca Cortizas (profesora que realizou o proxecto co alumnado) e Lorenzo Caplloch (artista que realizou o reloxo), así como o alumnado implicado neste proxecto que explicou con entusiasmo como funciona o reloxo solar e a súa relevancia na medición do tempo así como fixeron para atopar as palabras latinas que conforman o lema que vai gravado no reloxo:  “ Sol lucet omnibus”, precioso lema que  significa “ O sol loce para todos”.

O Reloxo Solar que agora preside unha das fachadas do noso centro escolar lémbranos a conexión entre o tempo, a natureza e a nosa humanidade, e a súa sombra proxectada sobre a pedra convídanos a reflexionar sobre a fugacidade dos momentos e a eternidade do coñecemento.

Mil grazas a Asociación de Amigos do Mosteiro de Santa Catalina por este agasallo e pola súa dedicación incansable na preservación do noso patrimonio cultural.





VISITA DO ALUMNADO DE 2º ESO A COMPOSTELA

 

Os alumnos de 2º de ESO  fomos de excursión a visitar Compostela coas profes Rocío e Yoli. O programa incluía unha visita guiada ás cubertas da Catedral que  incluía dous percorridos consecutivos: o do Palacio Arzobispal de Xelmírez e o ascenso aos tellados da catedral.

Unha vez xa dentro comezamos a visita xunto ao Palacio de Xelmírez, considerado unha das principais construcións civís do románico en España, alí a guía explicounos a dificultade que tiveron para construír a catedral de Santiago polo desnivel que tiña o terreo e tras unha breve introdución pasamos a ascender os seus 105 chanzos ata chegar aos tellados.

Tras ascender os chanzos e saír pola porta que dá acceso ás cubertas obtemos unhas vistas privilexiadas da mesma catedral e da cidade de Santiago.



Nesta foto podemos ver a famosa Berenguela. A torre do reloxo da catedral de Santiago chámase Berenguela por un arcebispo da Idade Media que construíu a torre para defender a Catedral.



É por ese mesmo motivo polo cal o tellado da catedral é graduado, para facilitar que se puidese ir camiñando para defender a catedral e a cidade de Santiago de posible ataques.

Unha curiosidade sobre a Berenguela é que o seu reloxo só ten unha agulla, tan só marca as horas. Na torre tamén se atopa a campá que se chama igual que a torre e pesa nada menos que  6.433 quilos.

Este ceo de pedra ofreceunos a oportunidade única de entender as distintas etapas de construción da catedral, ter as súas torres, cúpulas e pináculos ao alcance da man e gozar de inmellorables perspectivas sobre as prazas monumentais. A case 300 metros de altitude, a 30 metros por encima da Praza do Obradoiro e cun campo de visión de 360 graos, a mirada deslízase polos tellados e pérdese nos montes circundantes nunha visión inesquecible.



Logo da visita polas cubertas comezou a actividade sorpresa. Os rapaces, divididos en grupos aleatorios, tiñan que buscar diferentes lugares no casco antigo de Compostela. Axudados pola tecnoloxía realizamos unha busca de lugares. Cunha aplicación de móbil onde, nun plano da cidade, se marcaban os diferentes puntos que tiñan que atopar e dentro de cada punto información e pistas sobre o que buscaban, os rapaces partiron cara a aventura. Tiñan que localizar os puntos da cidade e, en cada un, facer un selfi onde saíran todos os integrantes do grupo. 



Rematamos na Alameda e chegou a hora de xantar. Tiñan diferentes opcións, algúns levaron a comida e xantaron na Alameda onde tiñan un lugar estupendo; outros optaron polo equilibrado menú do Burguer ou unha pizza. Todos comemos a presa porque o tempo fíxose pouco e xa tocaba volver a casa .

 Chegamos cansos pero contentos!. Un día xenial.

 Aquí podedes ver un vídeo resumo da xornada


jueves, 11 de abril de 2024

OBRADOIROS DE BICI. ESPORURAL

 Obradoiros para aprender a manexar e manter unha bicicleta

🚴‍♂️ ‘Rodas escolares’ é o nome que recibe a última proposta da Concellaría de Deportes que involucra á rapazada do CPI As Mirandas tanto de primaria coma secundaria: un conxunto de actividades para coñecer unha bicicleta, manexala nunha contorna natural e coñecer que se precisa para tela a punto.

🚴‍♀️ Onte arrancou esta iniciativa cunha pequena charla práctica no pavillón polideportivo de Ares, en colaboración co CafeKom. Ata alí foron os e as estudantes do noso centro educativo As Mirandas e aprenderon como engrasar unha cadea ou regular o freo, cal é o inflado adecuado, como sinalizar manobras ou axustar o sillín e manillar á súa altura.

🚴  Todo o coñecemento que adquiran poderán poñelo en práctica a próxima semana, pois a proposta do Concello abrangue tamén unha saída dende o CPI pola contorna aresán coas propias bicicletas, todas en correcto estado de mantemento para o seu emprego. 

🚴‍♂️ Rodas escolares é unha iniciativa enmarcada dentro de Sporural, o proxecto do Erasmus + Deportivo no que se inscribe Ares, xunto con outras localidades de Hungría ou Grecia.




OS NOSOS MAGNÍFICOS CONTACONTOS

 Hoxe un grupiño de rapazas e rapaces de terceiro da ESO realizou, como  en outras ocasións, unha sesión de contacontos para os nenos e nenas de 1º de primaria. A través do conto “O mundo das cores” reflexionamos sobre o importante que somos cada un de nós a pesar das nosas diferenzas, porque somos Diversamente Iguais e imprescindibles para dar cor e luz ao mundo.

 Ao remate os pequenos levaron como agasallo unha pulseira co lema “Diversamente Iguais”.

Parabéns a esta rapazada que tan ben prepara e conta historias. Os pequenos xa están desexando volver!